Estivemos de Festa!

 

O pasado xoves día 7 de novembro, día da Festa Major da Autònoma, tamén fixemos festa e aproveitamos para difundir as actividades do lectorado e, sobre todo, para darnos a coñecer á comunidade universitaria.

Nunha estrutura tan grande como a UAB é difícil visibilizar o traballo ou mesmo a existencia dunha área composta por 2 persoas. As ferramentas tradicionais de comunicación e mais a presenza en redes sociais non garanten un impacto inmediato nin unha difusión masiva e personalizada.

Sendo moi conscientes das limitacións comunicativas do lectorado e da grande cantidade de público obxectivo decidimos artellar unha acción “de impacto” que nos dese a coñecer e que puidese ser unha boa ferramenta para a captación de novo alumnado.

Dentro dos actos da Festa Major da Autònoma organizouse unha Fira dÉntitats onde diferentes colectivos se podían difundir os seu traballo. A feira consistía nuns stands onde cada colectivo se daba a coñecer e realizaba actividades de dinamización.

Gallec a la FMA nosa actividade consistía en responder a unha pregunta sobre a cultura galega, se a resposta era correcta o participante recibía un pequeno agasallo (material de difusión de campañas da SXPL) e se conseguía responder a dúas preguntas correctamente o premio era maior (un cd promocional de música galega editado pola AGADIC). Ademais todos os que se achegaron a nós recibiron un folleto con información dos estudos galegos na UAB (descrición das materias, información de contacto, período de matriculación etc…).

Fomos quen de atender persoalmente arredor de 250 persoas nun espazo de tempo de 4 horas, o que supón que estivemos como mínimo un minuto con cada un, tempo abondo para poder explicarlles en que consiste o noso traballo e para tentar crear unha mínima empatía.

O resultado foi moi positivo e superou as expectativas que tiñamos a priori. Decatámonos de que hai unha gran cantidade de galegos traballando na UAB que non nos coñecían (nós a eles tampouco), que existe un alumnado de orixe galega tamén numeroso e que espertamos unha certa curiosidade e mesmo afinidade en moitos casos. Tamén puidemos darnos de conta de que a cultura galega é unha gran descoñecida, que hai moito traballo de difusión por facer e que saír do gabinete e andar pola rúa e falar coa xente dá moita información e moito ánimo tamén.

Unha mostra do acontecido: